Friday 03 de May de 2024

A Xunta participa en Zaragoza na reunión da rede de politicas de igualdade entre mulleres e homes nos fondos comunitarios


A secretaria xeral de Igualdade Susana López asiste ao pleno desta Rede, que ten como obxecto facer realidade os obxectivos en materia de igualdade de oportunidades na programación de fondos comunitarios

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participa en Zaragoza na 11ª reunión plenaria da Rede de Políticas de Igualdade entre mulleres e homes nos Fondos Comunitarios, que se desenvolve nas xornadas de onte e hoxe.

Segundo a secretaria xeral, esta Rede ten como obxecto facer realidade os obxectivos en materia de igualdade de oportunidades na programación de fondos comunitarios no actual marco de programación. Está integrada polos órganos responsables das políticas de Igualdade de xénero e de administración e xestión dos Fondos Estruturais e do Fondo de Cohesión na Administración Xeral do estado, as Comunidades Autónomas e a Comisión Europea.

A Rede constitúe un instrumento esencial para a difusión de experiencias e boas prácticas, articulación de accións piloto, formación e capacitación e, en xeral, unha mellor colaboración e cooperación entre responsables de xestión.

Dende esta perspectiva, está presidida pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, pola Unidade Administradora do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e polo Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, correspondendo a secretaría permanente ao Instituto da Muller.
A Rede de Políticas de Igualdade entre mulleres e homes ten un papel esencial na coordinación e desenvolvemento da integración da igualdade de xénero nos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (FEDER, FSE, Fondo de Cohesión, FEMP e FEADER).